17 de maio. Día das Letras Galegas Ricardo Carvalho Calero
17 de maio. Día das Letras Galegas
Ricardo Carvalho Calero
17 de maio. Día das Letras galegas
Ricardo Carvalho Calero
O 17 de maio, é o día que os galegos celebramos as nosas letras e a nosa língua.
Todos temos no caixón da nosa memoria, palabras que nos trasladan no espazo-tempo á nosa infancia. Son palabras que nos fan sorrir e lembrar a aquelas persoas e momentos das nosas vivencias máis íntimas e sentir a “morriña” do tempo pasado. Son palabras que nos trasladan aos lugares onde crecemos e iniciamos a nosa andaina como persoas.
“ bolboreta”, “ amiguiña”, “ mauciña”, “ rosiña”, “ filla”, “ lúa”, “ trapallada”, “ lapón”, “ sentidiño”, “ xoaniña” ou “ quérote” fan parte da miña vida e son as palabras que traslado aos meus fillos. Coma se dun fío invisible se tratáse, reprodúzoas convencida de que lles axudará a facer o seu camiño, a saber de onde veñen, para enfrontarse mellor á súa vida, coa esperanza de que cando un sabe onde están as súas raíces, podemos crecer mellor e máis realizados, sentindo toda a forza dos que nos precederon.
Cada un temos as nosas palabras, da igual en que idioma, son nosas e compartidas cos que nos rodean. As línguas son elementos vivos dos lugares e persoas. De pobo a pobo varían en moitas ocasións os nomes das prantas, dos peixes, das ferramentas… as línguas son unha riqueza inesgotable cando as estudamos e fuximos das ganas de estandarizar e globalizar a nosa contorna.
Hoxe os galegos estamos de festa e celebramos o Día das Letras Galegas dedicándoo a Ricardo Carballo Calero (Ferrol,1910-Santiago de Compostela, 1990), un prolífico escritor ferrolán, que se dedicou á narrativa, poesía, ensaios e moi relevante nos estudos lingüísticos de Galicia. A el debémoslle as teses integradoras do galego e o portugués. Houbo tempos, nos que estas teses non foron ben recibidas, Ricardo Carballo Calero foi un pioneiro na súa época.
Os que somos do sur de Galicia sentimos a nosa língua unida ao portugués do norte, e os nosos veciños portugueses séntena unida á nosa. ¡Cantas palabras temos en común, e cantas perdemos polo camiño! Os que sodes ou coñecedes como funcionan as zonas limítrofes, sentiredesvos identificados co que conto, non importa que sexades de Huelva, Aragón, Zamora ou Ourense, ou doutros países, as variantes por contacto das linguas, o funcionamento dos negocios de fronteira, as manifestacións etnográficas e a vida son similares. A língua, como os sentimentos non entenden de límites.
Os guías de turismo, temos ás veces que derrubar as barreiras e prexuízos sobre a nosa língua para que o visitante se achegue ao que somos os galegos, a comprender que a nosa língua é un sinal de identidade propio, e non un elemento discriminatorio, nin divisorio.
Pregúntome cales serían as palabras do mundo íntimo de Ricardo Carballo- Calero, cales son as palabras que mañá tan intensamente lembrarán os familiares do escritor. Como estará a crecer o fío invisible que conecta os que están e os que estiveron?
Quero acabar cun pensamento especial para a filla menor do escritor, María Vitoria Carballo- Calero, que foi profesora de arte na facultade de Historia da Universidade de Vigo, no Campus de Ourense, e profesora de moitos estudantes que estivemos nese centro universitario. Este 17 de maio é un día esperado pola familia de D. Ricardo, que reivindicou desde fai anos a relevancia da súa figura. Desexo que o Día das Letras Galegas, e esta situación do covid-19, non desluza o recoñecemento e celebración que lle facemos ao que dedicou a súa vida a Galicia. Estes días, os actos e celebracións serán protagonistas nas redes, pero o 31 de outubro celebraremos outra vez, de maneira excepcional, como se merece a D. Ricardo Carvalho Calero.
Bo Día das Letras Galegas!